A vida máis alá do Arnoia — Blog da parroquia de Sta. Mariña de Entrambosríos (A Merca – Ourense)

O último

NON MOLESTEN, ESTAMOS DE FESTA!

A Nosa Señora da Festa chega un ano máis a Entrambosríos, O Casal e Lameiroquente. Faráo entre o 14  e o 17 de agosto e traerá, como vén sendo costume, uns cantos agasallos para as veciñas e veciños da parroquia:

logo2014Xoves 14

Teatro na Praza do Carme a partir das 20:30 h. coa obra “Rosas” da Agrupación Teatral Barbañá.

Venres 15

Campionato de tute na Escola ás 19:00 h

Sábado 16

Cea popular ás 22:00 h no campo da festa, verbena co trío “Lúa” e sesión “after party” coa discoteca móbil Tournee

Domingo 17

Alborada pola parroquia coa charanga BCB, misa ás 13:00 h e sesión vermú. Partido de solteiras vs casadas e/ou asimiladas ás 19:00 h e ás 22:30, festa verbena co dúo Sabor Latino. Remate con queimada e interpretación solemne do himno patrio.

 

O QUE NUNCA FALLA Ó CHEGAR AGOSTO

Dende as últimas festas de Entrambosríos pasou de todo: Unha nova folga xeral paralizou o país sen que a patronal se inmutase, as contas dun tal Bárcenas armaron un lío tremendo, démoslle sentido á frase “Feijoo paga la nieve”, o Papa dimitiu, a “antibelicista” Unión Europea recibiu o Premio Nobel da Paz, o Depor descendeu, Beiras montouna no Parlamento, apareceu ouro en Corcoesto, as mulleres entenderon que para abortaren terán que ir a Portugal, e o .gal se fixo realidade.

Houbo de todo, pero o que nunca falla, ó chegar agosto, son as FESTAS DE ENTRAMBOSRÍOS!!!

A comisión xa avanzou en exclusiva para Entrambosríos 2.0  parte do programa previsto para este ano:

Venres, 9 de agosto

– 19:00 – Campionato de tute no local social (na Escola)

– III Concurso gastronómico. Se hai dous anos foran tortillas e o pasado postres, este ano vai de Filloas!

– Festa da Mocidade, con música en directo dende o cassette!!!

Sábado, 10 de agosto

18:30 – Xogos infantís no parque

22:00 – Cea popular (prégase puntualidade)

a partir das 20:30 – Festa e verbena amenizada polo trío CARAMELOT e o dúo SABROSITO.

cea_popular_entrambosrios

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Domingo, 11 de agosto

– Alborada pola parroquia coa charanga TROULADA. Prégase que o licor café estea frío…

– Os que queiran misa, ás 13:00

– O clásico do fútbol solteir@s vs casad@s/asimilad@s no pavillón da Merca. Dende a comisión pídese ás mozas e mulleres da parroquia, máis xogar ao fútbol e menos aplaudir nas bancadas.

22:30 – Festa e verbena amenizada polo trío NUEVO MILENIO

– Queimada fin de festa.

 

 

Disque as augas andan revoltas

cantod'ola

Imaxe do Cantodola desborado pola auga. Xaneiro 2013

 

– Cando todo está en calma abaixo, na montaña hai treboada, os regatos comezan a tomar forza e toman rumbo cara o val, – dixo despois dunha bocanada.

Na época de choivas o río é bravo, un látigo marrón, un tremor fóra de cauce, é todo forza. Non vén o seu poder da chovia que cae nas súas ribeiras, son os regatos que baixan da montaña os que o alimentan. destruíndo, o río reconstrúe a terra, as súas augas serán millo, pataca e repolo nas mesas do val.

– Así é a nosa loita, – dime e se di o Vello Antonio. – Na montaña nace a forza, pero non se ve ata que chega abaixo.

E, respondendo á miña pregunta de se el cre que xa é tempo de comezar coa guerra, engade:

– Xa é tempo de que o río cambie de cor. Vós sodes os regatos e nós o río… tedes que baixar xa…

Adaptación dun fragmento de “Los arroyos cuando bajan”, un dos “Relatos del Viejo Antonio” do Subcomandante Insurxente Marcos

Este ano vai de Postres

Tralo rotundo éxito do Entrambortilla 2011, no que vinte participantes presentaron as súas creacións tortilleiras, este ano o II Concurso Gastronómico quere medir as destrezas reposteiras dos nosos conveciños e conveciñas.

Os participantes deberán presentar a súa creación o venres 10 de agosto ás 22:00 na Praza do Carme. Todo tipo de postres ou doces: rosquillas, tortas, pasteis, filloas, flan, bica, xeado… Alí un xurado popular decidirá quen é o noso gañador/a namentres a charanga As Neves amenizará o concurso.

Dende a Comisión de Festas pídese facer caso omiso das recomendacións alimentarias de médicos, rosendos e menciñeiros. Un día é un día e ningén vai morrer de sobredose de filloas…

Quentando motores para a festa

 

As festas de Entrambosríos aguantan a crise e xa temos data para este ano: 10, 11 e 12 de Agosto!!!

A comisión de festas xa vai adiantando algunhas das actividades programadas para as festas de 2012: se ben a actividade a realizar o venres todavía segue a ser unha incónita, a cea do sábado xa está confirmada no Campo da Festa a partir das 21:30 h. Confirmada tamén a actuación do dúo Sabrosito na verbena do sábado.

O domingo, alborada dende primeira hora da mañá coa charanga Lanzallamas, misa para quen a precise na capela do Carme, partido de solteiros VS casados e/ou asimilados no Pavillón da Merca, xogos infantís e, como non, verbena a cargo do trío Pachán. Poñendo remate a unha fin de semana de categoría coa tradicional queimada e sesión de contos e chistes. (Prégase ao Xamín que, por favor, actualice o seu repertorio de chistes…)

Abertos, dende a comisión, a todo tipo de suxestións para facer un ano máis das festas de Entrambosríos un acontecemento único. Unha fin de semana de diversión, música, teatro, comida, música e licor café ao que todos estamos convidados.

Xa somos unha máis!

Namentres a poboación de Proente, Zarracós, Virariño ou Faramontaos cae enpicado, un estraño fenómeno demográfico se dá na parroquia de Entrambosríos. Será a auga da fonte? A Virxe do Carme? as frías mañáns de inverno? Non se sabe. O caso é que vivimos un baby boom que comezou hai uns anos no Regueiro e agora se despraza cara o centro da que, se seguimos así, pronto será unha vila.

Noa, filla da Elena e do Iago, é dende o día 8 de decembro de 2011 a nova veciña de Entrambosríos. Benvida e noraboa aos papás!!!

 

O magosto 2011 en imaxes

This slideshow requires JavaScript.

 

Tes ti máis fotos do magosto? Non dubides en envialas á nosa caixa de correo: entrambosrios2.0@gmail.com

O forno volveu arder

No pasado mes de outubro, o forno de Entrambosríos, por tantos anos esquecido e deixado da man de “Dios” volveu a traballar nunha fornada na que se coceron bolas de pan e empanadas. Unha iniciativa popular que pón en valor o patrimonio cultural e etnográfico da Parroquia da maneira máis lúdica e didáctica posible.

This slideshow requires JavaScript.

A foto do mes

 

Conversas a pé de canastro

Fotografía titulada “Conversas a pé de canastro”.

Nela, o José da Avelina, limpa o millo que sobrou do ano pasado para darllo aos porcos e deixar espazo para o millo novo no canastro.

JOSÉ: – Sobrou millo do ano pasado…  Sabes cal era o remedio? Ter tido máis porcos…

 

Manda cando queiras a túa foto á nosa caixa de correo entrambosrios2.0@gmail.com

%d bloggers like this: